Tuesday 21 de May de 2024

Inicio do curso escolar na Pobra con protocolos específicos para cada centro nos servizos de conciliación e limpeza


A Pobra do Caramiñal, 10 de setembro de 2020.- Os centros educativos da Pobra do Caramiñal iniciaron hoxe o curso cuns protocolos específicos axustados ás necesidades e realidades de cada un para os servizos de conciliación (Madruga e comedor) e de limpeza. Estes documentos foron elaborados en conxunto por parte do Concello, as ANPA e os equipos directivos dos colexios nas semanas previas ao comezo do ano académico implantado en Galicia.
Neste senso, na tarde de onte trasladóuselles ás monitoras de comedor e ao persoal da limpeza cales son as normas para seguir dentro do desenvolvemento do seu traballo en cumprimento do establecido en materia de seguridade e sanidade por mor da COVID-19.
En liñas xerais, as monitoras de comedor deberanse asegurar de ventila-lo espazo o maior tempo posible dependendo das condicións climatolóxicas, ademais de que se deberá mante-la distancia de 1’5 metros e unha constante desinfección das mans, aplicable tanto para o persoal coma para as crianzas. As persoas usuarias deberán ocupar sempre o mesmo asento, podendo manterse a unidade familiar no comedor. Unha vez remate o xantar, os nenos e nenas deberán permanecer no seu sitio, potenciando as monitoras actividades de carácter individual para o cal se poderán empregar, por exemplo, as tablets adquiridas pola Administración local ao entender que é unha boa maneira de mantelos cun entretemento ao tempo que socializan con xogos dixitais mantendo a distancia. Tamén se establece unha entrada e saída controlada en varias quendas, permanecendo as familias fóra do recinto escolar. No que respecta á
sinalización, indicarase o uso obrigatorio da máscara, a desinfección das mans e a distancia de seguridade.
No caso dun posible contaxio, se hai síntomas de infección levarase o neno ou nena a un espazo separado de uso individual, con máscara cirúrxica (tanto a crianza coma a persoa ao seu cargo), e efectuarase a comunicación á familia, para dar conta ao centro de saúde e Sergas. De presentar síntomas moi graves ou dificultade respiratoria, chamarase tamén ao 061. O mesmo sucederá se quen presenta a infección é o traballador ou traballadora.

Así mesmo, o Concello porá á disposición unha máscara cirúrxica diaria por cada monitora, máscaras FPP2 na botica de primeiros auxilios por se alguén presenta sintomatoloxía propia do coronavirus e un dispensador de xel hidroalcohólico no propio comedor.
Cómpre indicar que todas estas disposicións tamén se aplican para as persoas empregadas no Servizo de Madruga.
Por outra banda, a brigada de limpeza incrementará as horas de limpeza e desinfección. Vai ser unha constante diaria a aplicación de virucidas no chan, zonas de contacto, aseos, aulas con cambios de alumnado (ximnasio, aula de estudo, comedor etcétera), ventilación… Do mesmo xeito, procederase cunha desinfección diaria das mesas e cadeiras, así como coa retirada de bolsas das papeleiras interiores e exteriores. Os desinfectantes para utilizar serán dilucións de lixivia acabada de preparar ou calquera dos produtos que presenten actividade virucida autorizados e rexistrados polo Ministerio da Sanidade,
respectando a etiquetaxe. Para ter un control sobre a asiduidade dos labores, colocaranse follas de rexistro para ter un seguimento. De presentar sintomatoloxía propia do coronavirus un/unha estudante ou unha persoa traballadora mentres están no centro educativo, será preciso illa-lo contedor onde se depositen os panos ou outros produtos usados por elas. Esa bolsa de lixo deberá ser extraída e colocada nunha segunda bolsa, con peche, para o seu depósito na fracción do resto. Da mesma maneira, realizarase a debida limpeza e ventilación do espazo en que se levou a cabo o illamento preventivo, logo de que a persoa con síntomas durante a xornada lectiva abandonase o colexio.